Saturday 18 de May de 2024

O deporte sae ás rúas da Pobra nesta fin de semana


Como cada ano, A Pobra do Caramiñal festexará o Día do Deporte na Rúa con diversas disciplinas que se van practicar no 25 de agosto. A Concellaría dos Deportes, coa colaboración dos diferentes clubs presentes na localidade, organiza esta xornada que se focalizará na praza Alcalde Segundo Durán, nas pistas do Castelo e no edificio de usos náuticos, de 11.30 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, apunta que a finalidade desta proposta é fomenta-la actividade física na sociedade, especialmente nas crianzas, ó tempo que serve de escaparate para as diferentes entidades deportivas. Deste xeito, aproveitando a época estival, achégase o deporte dunha maneira lúdica por congregar distintas especialidades ó pé de rúa: atletismo, artes marciais, fútbol 3×3, baloncesto, bádminton, remo, tenis, hóckey, tenis de mesa, voleibol, xadrez, parkour…

Contarase tamén con inchables. A participación é aberta, polo cal non se require a inscrición previa.

Ademais, nesta fin de semana, terá lugar a décimo cuarta edición da Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal. Esta proba realizarase no 27 de agosto e enmárcase no VI Circuíto de Carreiras Populares do Barbanza Arousa 4 carreiras, 1 meta e no IX Circuíto Provincial de Carreiras Populares.

O prazo de inscricións continúa aberto ata as 14.00 horas do día 24 de agosto a través da páxina web www.emesports.es. Será de balde dende a sub-6 á sub-16 e na Sapatilla Inclusiva, mentres que o importe se estipula nos 6 euros da sub-18 á máster.

As saídas efectuaranse das 10.45 horas en diante dende a rúa Fernández Albor para, sucesivamente, cada categoría completa-la distancia que lle corresponde. E, arredor das 13.30 horas, procederase coa entrega de premios no interior da praza Alcalde Segundo Durán, que se establece como meta.

Outorgaránselles trofeos ós/ás tres primeiros/as clasificados/as por categoría, repartiranse agasallos e 910 euros en premios ós/ás cinco primeiros/as clasificados/as da xeral, unha camiseta técnica para os/as participantes na proba absoluta e medallas para a sub-6 e sub-8. A maiores, daránselle 400 euros (200 euros na modalidade feminina e 200 euros na masculina) á mellor marca.